Friday 03 de May de 2024

Retirados 1.283 quilos de materiais da sima do Pico Sacro


Unha trintena de persoas colaboran nas xornadas de limpeza

O Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC participa tamén nesta actividade

A primeira xornada de limpeza da sima do Pico Sacro concluíu a quenda de mañá -finalizada ás 14,00 horas- cun total de 1.383 quilos de materiais retirados das covas. Esta cantidade foi transportada en 71 sacas -de aproximadamente 20 quilos cada unha- a un contedor localizado a carón da Capela de San Sebastián. En total, son preto de 30 as persoas que colaboran de xeito voluntario nesta actividade posta en marcha entre o Concello e a Federación Galega de Espeleoloxía e na que colabora o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

“Dende o Concello de Boqueixón valoramos moi positivamente esta iniciativa, que se desenvolve por primeira vez en máis de medio século. Este labor resulta fundamental non só dende o punto de vista patrimonial e espelolóxico, senón tamén dende o turístico, xa que contribuirá a poñer en valor o Pico Sacro para aquelas persoas amantes dos deportes”, indicou o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. O rexedor boqueixonés e o deputado autonómico Ovidio Rodeiro Tato achegáronse a este enclave para coñecer, de primeira man, os traballos realizados dentro destas xornadas que comezan coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente.

A iniciativa, promovida polo Concello, está a ser executada pola Federación Galega de Espeleoloxía. Unha vintena de persoas da entidade, procedentes de distintos puntos da comunidade, traballan na limpeza da sima do Pico Sacro. “Dividímonos en distintos grupos e establecemos quendas para trasladar as sacas ata o colector. No caso das covas, instalouse unha tirolina dende a cabeceira da sima de menos profundidade, a Contramina de Juan Antón, para o traslado das sacas de espeleoloxía”, explica o presidente da entidade, Francisco Martínez. “Dentro da cova, no fondo, hai unha persoa que vai enchendo as sacas. Dous metros máis arriba, outra persoa engancha as sacas na tirolina e, na boca da sima, atópanse as persoas que recuperan a tirolina. Despois, hai toda unha serie de participantes que van porteando as sacas dende a entrada da cova ata o contenedor que se atopa a carón da Capela de San Sebastián”, concreta.

Xusto antes de depositar os materiais no devandito colector, pasan por unha fase de revisión. Esta corre a cargo dunha decena de integrantes do Incipit do CSIC e de persoas voluntarias. O equipo está coordinado por Ana Mª Ruiz Blanch, investigadora do Incipit que está a traballar nunha tese doutoral sobre a Raíña Lupa.

“Para complementar a actividade de limpeza, como arqueólogas e antropólogas do Incipit, decidimos realizar o que se chama unha observación arqueolóxica. Cando chegan as sacas, baléiranse sobre unhas lonas, mírase o seu contido, tómanse fotografías, obsérvase ben o material e, se vemos algo especial, embólsase e gárdase para o seu estudo”, explica Ana Mª Ruiz Blanch.

Ademais das pedras e terra, atopáronse materiais curiosos como ósos grandes, botellas de plástico, dúas candeas, cerámicas ou, incluso, “algo que pretende ser unha especie de variña máxica”. Este traballo busca servir como base para realizar un achegamento ao monte sagrado dun xeito diferente. Ademais, nun futuro, buscarase a posiblidade de realizar un Plan Director do Pico Sacro, tratándoo dende distintos puntos de vista: arqueolóxico, espeleolóxico, cultural…

Esta primeira xornada continúa na súa quenda de tarde, ata as 19.00 horas, e finalizará cunha charla informativa sobre A xeoloxía do Pico Sacro. Terá lugar ás 20.00 horas no Centro de Interpretación do Pico Sacro e será impartida por Marcos Vaqueiro Rodríguez, Doutor Espeleólogo da Federación Galega de Espeleoloxía.